Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase as novidades da nosa Páxina web Suscribirse a las novedades por correo electrónico


AVISO FITOSANITARIO
11/08/2017


VIÑA Estado fenológico: N [estados 85-(89) da codificación BBCH]

Co aviso desta semana finaliza este ano a publicación dos Avisos Fitosanitarios SEMANAIS polo adiantado da campaña. Con todo, e como facemos todos os anos, seguiremos emitindo novos avisos ou información fitosanitaria cando sexa necesario, pero xa sen unha periodicidade fixa.

Un ano máis temos que agradecer a colaboración dos agricultores que nos permiten desenvolver as nosas experiencias nas súas fincas para que poidamos emitir os Avisos. Agradecemos tamén a súa colaboración aos técnicos e agricultores que nos informan das súas observacións para poder dar unha visión máis ampla da situación dos cultivos. E, loxicamente, o noso agradecemento a todas aquelas persoas que nos len e nos alentan a continuar a publicación dos Avisos Fitosanitarios. Moitas grazas a todos eles.


Como é sabido e xa dixemos en repetidas ocasións, a vendima este ano vaise adiantar, de xeito significativo nalgunhas comarcas, polo que mesmo é posible que, como falan algúns viticultores, haxa posibilidades de facer unha segunda vendima no outono dos acios que medran nos gromos coñecidos como netos (“rebuscos”), e que, en xeral, segundo comprobamos nas nosas visitas ás viñas, son abundantes, están sas en xeral e teñen bo tamaño.

Nesta campaña a presenza de rebuscos é abundante 09ago17_Os rebuscos teñen bo tamaño de gran 09ago17_Os rebuscos en xeral están sas


Canto ao grao alcohólico das mostras de Albariño que recollemos nalgunhas fincas esta semana, os valores obtidos foron:

- Comarca de O Condado.- Corzáns: 8.34º; Meder: 9.73º; Vide: 12.56º

- Comarca de O Rosal.- Eiras: 8.01º; Pazo: 9.39º

- Comarca de O Salnés.- A Modia: 8.8º; Barrantes: 7.7º; Castrelo: 8.8º


Mildio

Nunha campaña caracterizada pola escaseza, ou case ausencia en certos lugares, de choivas, a situación das viñas neste momento final é moi boa, e mesmo plantas abandonadas que invaden muros ou bordes de fincas, e que outros anos presentan abundante presenza de manchas e outros danos, este ano están case libres de síntomas. Tamén as plantas testemuña que temos sen tratar nas fincas manteñen boa parte da súa masa foliar, cando outros anos a estas alturas xa estarían practicamente sen follas.

09ago17_Viñas abandonadas outros anos atacadas non presentan mildio 09ago17_Planta testemuña con follas por ser ano de pouco mildio
Na visita desta semana ás viñas da nosa rede de seguimento habitual e a outras que visitamos reflectiuse que non houbo condicións favorables ás infeccións secundarias e/ou á esporulación desde finais da semana anterior, pois apenas atopamos manchas moi esporádicas nas follas máis tenras e as que topamos, basicamente nas plantas testemuña, non presentaban esporulación do fungo. Pola súa banda, os acios están sas e tampouco temos referencia, por parte doutros técnicos ou viticultores, de que haxa danos noutras fincas.

09ago17_Gromos novos sen mildio esta semana 09ago17_Manchas de mildio en folla nova planta testemuña 09ago17_Non hai esporulacion en manchas de mildio en folla nova planta testemuña
As previsións meteorolóxicas continúan anunciando, a día de hoxe, tempo seco de cara á primeira parte da próxima semana e só cara finais apuntan probabilidades medias de precipitación, en principio lixeira, de escasa contía, e só algúns días. Con esta situación, non deberán aparecer novos síntomas de forma significativa e polo tanto non será preciso aplicar máis tratamentos antes da vendima porque a maduración non se verá comprometida por potenciais defoliacións.



Viña cun esfollado demasiado intenso nas varas produtivas
De cambiar o tempo de xeito significativo antes da vendima será fundamental garantir a adecuada ventilación doa acios pero asegurando que manteñan follas nas varas produtivas, xa que levamos observando esfollados demasiado intensos que prexudicarán sen dúbida a boa maduración dos acios que portan




Oídio

Pese a ter habido repetidamente, ao longo da campaña, condicións que favoreceran a este patóxeno, a realidade é que, salvo moi contadas excepcións, apenas houbo presenza en Albariño, e mesmo na nosa parcela de seguimento de Castrelo, moi sensible á enfermidade, este ano os acios están totalmente libres do patóxeno, e tamén os rebuscos ou acios máis tardíos. Como sabemos, estes últimos son os únicos que neste momento poden verse afectados, aparte de follas e varas.

09ago17_Rebusco que non recibiu tratamentos con oidio 26xull17_Oidio en acio tardio
Botrite

Desde os últimos días de xullo diminuíu a carga de esporas recollida no captador que temos entre as filas testemuña da nosa finca de Areeiro, e así en todas as fincas que visitamos a ausencia de síntomas deste fungo é practicamente total.

botritis_04082017
Gráfica do captador de esporas situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA
(colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense –Universidade de Vigo)


En realidade so observamos un acio de Albariño afectado no entorno dunha penetración de couza do acio. Canto ás variedades máis sensibles, en xeral as máis susceptibles como Treixadura amosan en xeral moi bo aspecto e só nesta semana vimos un lixeiro incremento na presenza de fendas nas uvas de Loureira que hai nunha das fincas das nosa rede debido ao incremento de tamaño do froito. Aínda así, o tempo seco e a boa ventilación dos acios evitou, de momento, a instalación do fungo sobre a ferida que está empezando a podrecer, o que incide unha vez máis na conveniencia de prestar moita atención ás operacións culturais que contribúan á aireación dos acios.


09ago17_Instalacion de botrite en Albariño 09ago17_Detalle da frutificacion de botrite en acio albariño 09ago17_Greta e podre en acio Loureira 09ago17_Acios Treixadura en bo estado


Pese ao indicado, nas variedades e/ou zonas máis tardías e cando non existan limitacións para o último tratamento, aínda pode ser conveniente facer unha última aplicación se realmente cambia o tempo e continúan aparecendo danos de calquera tipo (fisiolóxicos, por paxaros, por penetracións de eirugas, polas rozas baixas...) nas uvas

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nesta semana as capturas de Lobesia botrana nas trampas das nosas parcelas de seguimento mantivéronse en niveis extremadamente baixos salvo na finca de Tollo, onde pasamos de 3 a 19 machos recollidos. Canto a síntomas nos acios, non vimos postas pero si un par de buracos en senllos grans e uvas afectadas nalgúns acios, pero sempre por debaixo dos limiares de tratamento. Tamén fomos informados por outros técnicos do incremento de síntomas nalgunhas fincas. No caso de que se superen os limiares de tratamento e non haxa limitacións por parte das adegas, hai produtos rexistrados para este fin que non teñen prazo de seguridade pola súa inocuidade (como Bacillus thuringiensis) ou con prazos de seguridade moi curtos, de 3 ou 7 días (azadiractin, outros reguladores do crecemento como indoxacarb ou algúns piretroides). Porén, os tratamentos realizados con algúns destes produtos hai que situalos en momentos concretos do ciclo da couza, polo que nestes casos é aconsellable o asesoramento técnico.

Orificio de penetración en uva albariño 09ago17_Sintoma ataque eirugas couza
Cicadélidos

A pesar de que no aviso anterior falabamos de que en Tollo se superaba o limiar de tratamento canto a capturas nas trampas, nesta semana continuaba sen haber síntoma algún da súa actividade e de feito o número de insectos recollido apenas se incrementou. Tamén os recontos de ninfas nas follas estiveron esta semana en niveis similares aos das revisións anteriores.

02ago17_Unha das caras da trampa de Tollo 02ago17_Cara dunha trampa con numero capturas mais frecuente Ninfa de Zygina rhamni en folla

Canto ao cicadélido vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, aínda non capturamos os primeiros exemplares en ningunha das trampas que temos nas viñas de Pontevedra, pero si recibimos unhas trampas de Ourense onde apareceron uns exemplares en mal estado que estamos a analizar para confirmar a especie e que, caso de confirmarse, serán analizados tamén para ver se levan o patóxeno, que nunca foi detectado en Galicia.


Trips

Do mesmo xeito que a semana anterior, os únicos síntomas que vemos destes insectos seguen confinados nos gromos terminais da finca de O Salnés onde os observaramos.

Punteaduras necróticas e entrenós curtos por trips Sintoma non especifico de trips e o crecemento achaparrado
Ácaros

Temos que destacar unicamente a presenza de novos síntomas de erinose de verán que continúan a aparecer nos novos crecementos, nun ano en que realmente o seu axente causal, Colomerus vitis, foi o ácaro máis amplamente distribuído nas nosas viñas.

09ago17_Continúan aparecendo síntomas de erinose de verán 09ago17_Sintomas lixeiros de erinose no face da folla
Outros

A ausencia de precipitación destacable continúa favorecendo que aparezan plantas con síntomas de seca, e tamén a elevada luminosidade sobre as caras expostas dos acios está favorecendo a expresión dos golpes de sol. Do mesmo xeito, o clima deste ano favoreceu, como sabemos, que se manifesten máis plantas con síntomas de alteracións da madeira, que non esquezan deben ser marcadas (nos brazos afectados ou a planta enteira) para que estean ben identificadas no momento da poda.

Cor amarelenta por seca e escasez de solo Situacion 17ago16 de racimos afectados por golpe de sol No olviden marcar las plantas con enfermedades de madera
DIVERSOS FRUTAIS
Moscas das froitas e podremias

Diferentes especies de árbores froiteiras teñen os seus froitos en fase de maduración/recolección (pexegueiros, algunhas variedades de maceira ou pereira, figos...) e estase a observar algúns froitos na árbore en fase de podremia e tamén caídos ao chan, algúns xa con presenza de certos fungos oportunistas. Algunhas destas podres iniciáronse polas picaduras de insectos para inserir os seus ovos (algunhas moscas) ou para alimentarse deles (avespas), pero outras son debidas a outras causas, fundamentalmente paxaros. Como sempre dicimos estes froitos deben ser eliminados co fin de evitar que continúen o seu desenvolvemento as especies de dípteros (que cada ano son máis frecuentes na nosa zona) e que se estenda a contaminación polos fungos oportunistas.

Heridas de cualquier origen pueden provocar pudrición Peras en suelo con daños de monilia Larvas diptero en interior de figo
PATACA
Corazón oco

Este ano estamos a recibir un bo número de mostras de tubérculos cunha alteración de orixe non biótico (fisiopatía) que recebe o nome de “corazón oco”. Non ten síntomas no exterior, e maniféstase por un ou máis buracos no centro da pataca que soen presentar nas paredes internas unha capa máis escura de tecido suberificado. Esta alteración está causada por un desequilibrio hídrico consecuencia do rápido alongamento dos tecidos externos fronte aos internos máis profundos.

Pataca con corazon oco