Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase as novidades da nosa Páxina web Suscribirse a las novedades por correo electrónico


AVISO FITOSANITARIO
02/06/2017


VIÑA Estado fenológico: J (callado da uva)


Tamaño da uva en parcela Vide 31maio17 Pese a que o estado fenolóxico dominante é o callado da uva, en moitos viñedos obsérvanse acios aínda en floración plena. En todo caso, a fenoloxía dominante ten un adianto de dúas semanas fronte á campaña anterior nas parcelas da nosa rede. Tamén, na nosa finca de seguimento de Vide (O Condado) o desenvolvemento da uva é notorio, chegando mesmo algúns acios a acadar o estado de grans tamaño chícharo



Mildio

As condicións climáticas variables desta semana, con períodos de precipitación alternando con claros, tronadas, e en xeral elevadas temperaturas nocturnas, deron lugar a que durante practicamente todos os días se rexistrasen condicións favorables ás infeccións. Por este motivo, e aínda que no aviso anterior recomendabamos tratar tan pronto cesasen as choivas, visitamos máis parcelas que as propias da nosa rede de seguimento. No noso percorrido non observamos novos síntomas nas plantas sometidas a tratamento (aplicacións renovadas entre o sábado 27 e o luns 29), e mesmo os antigos aparecían ben controlados. Do mesmo nos informaron a maioría de técnicos e viticultores que nos aportaron as súas observacións, aínda que un deles atopou nunha viña manchas novas e síntomas en acio.

Tendo en conta as datas de precipitación (desde venres 26), deberiamos esperar o aparecemento de novas manchas a partir dos primeiros días da próxima semana nas fincas non protexidas. Ademais, e como é lóxico, coas condicións destes días o volume de esporas do patóxeno obtido no captador de esporas que temos entre as dúas liñas de plantas testemuña (sen tratamentos) da nosa finca de Areeiro se incrementou sensiblemente, desde máximos de 70 esporas/m3 de aire a semana pasada ata máis de 650 na semana actual, e de feito nesas plantas testemuña si aparecen síntomas antigos activos (máis na folla que en acio, pero nalgúns destes xa está a totalidade da súa superficie cuberta de micelio) e tamén algún que outro novo.

grafica_19052017
Gráfica do captador de esporas situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA
(colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense –Universidade de Vigo)

As previsións meteorolóxicas a día de hoxe continúan anunciando clima variable para os próximos días, con certa posibilidade de precipitación algúns deles (esta propia noite do venres día 2, ou luns ou martes segundo a axencia consultada) o que implica que persiste o risco en nivel elevado. Con esta situación a nosa recomendación volve a ser a revisión dos viñedos (con especial incidencia naqueles que se atopen en zonas pouco ventiladas ou onde haxa máis síntomas antigos) e a renovación do tratamento en caso de que aparezan novos focos da enfermidade.


31maio17_mancha antiga_face 31maio17_Mancha antiga_enves Ataque antigo de mildio en acio 31maio17_Mildio en acio planta testemuña


A partir destes momentos hai unha serie de medidas culturais que se poden aplicar para axudar a manter a uva ventilada, o que redunda nunha maior sanidade. Entre elas está a eliminación do exceso de vexetación das plantas, que tamén axudará á penetración ata o acio dos produtos de tratamento, fundamental aínda nestes intres. Esta é unha práctica especialmente aconsellada para viñas vigorosas que presentan grande volume de masa foliar.

24maio17_Algunhas viñas están demasiado frondosas Excesivo desarrollo de la vegetacion en viña en espaldera

Oídio

Nas parcelas sometidas a tratamentos non vimos síntomas, nin sequera nas plantas de parcelas con historial de danos todos os anos. Ben é certo que na maioría delas as intervencións están recentes ao ser feitas tras as últimas choivas, e que estas tiveron carácter forte puntualmente, o que é desfavorable. Tampouco nas plantas testemuña apareceron aínda os primeiros grans afectados nos acios, aínda que si observamos un lixeiro incremento en folla. Porén, as densas néboas que xa se deron estes últimos días, e que nalgunhas comarcas son bastante persistentes, son condicións favorables ao fungo, polo que convén manter a vixilancia.

O risco débese estimar, ademais de polas condicións climáticas, segundo a situación da parcela (son máis sensibles as pouco aireadas), os seus antecedentes e a variedade de uva dominante. Canto ás condicións ambientais, o patóxeno ten un desenvolvemento óptimo a temperaturas de 25 a 30 °C, e a un 40 a 100% de humidade relativa. Choivas finas e luz difusa (por néboas ou nebulosidade) son favorables, e a partir de agora sabemos que entramos nun período no que soen ocorrer episodios con estas condicións


Primeiro sintoma oidio en folla  albariño Manchas de oidio en hoja de albariño Continua oidio en variedade tinta sensible
Botrite

Nalgunhas fincas das visitadas esta semana observamos cómo se produciu na floración un certo corrimento da uva e cómo tamén hai aínda capuchóns florais adheridos ao gran. Non obstante, e pese á elevada humidade que se rexistra, non vimos síntomas de botrite en ningunha das parcelas, e de feito no captador de esporas que, como xa dixemos antes, temos instalado entre as filas de plantas sen tratamentos da nosa finca de Areeiro, a carga de esporas é baixa. Manter a vixilancia, aínda que o risco de infección é baixo de momento.

grafica_19052017
Gráfica do captador de esporas situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA



Racimos mostrando un cuajado deficiente de la uva 31mai17_Hai acios con grans en diferente estado e capuchons
Black rot

Black rot - Detalle de la mancha mostrando Picnidios Non observamos variación algunha canto á presenza de síntomas da enfermidade, nin na finca de O Condado onde toparamos unha mancha a semana anterior nin noutras parcelas.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Os niveis de capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas permanecen moi baixos, estables fronte aos da semana anterior. A presenza de glomérulos nas fincas tampouco sufriu modificacións notorias.

24maio17_Os glomerulos aumentaron lixeiramente Eiruga de Lobesia fora do glomérulo
Cicadélidos

Continúan sumamente baixas as capturas de adultos de cicadélidos nas trampas, e mesmo nalgunha das parcelas da nosa rede de seguimento aínda non capturamos estes insectos. A presenza de ninfas nas follas mantívose en termos semellantes aos da semana anterior, lonxe dos limiares de tratamento.

A 30 de maio nalgunha finca non se teñen capturado adultos de cicadelidos  Ninfa de Empoasca vitis en hoja de albariño
Altica

Na nosa finca de seguimento de O Condado observamos algunhas follas máis afectadas pola alimentación deste esfollador, pero non reviste gravidade no conxunto da parcela.

Face de folla con dano e larva de Altica Folla con necrose limbo por Altica
Ácaros

24maio17_Xa hai erinose en follas terminais Tanto nas nosas parcelas de seguimento como nas demais viñas que visitamos esta semana non topamos síntomas de acariose, nin poboacións nas follas recollidas, aínda que segue incrementándose a presenza de erinose nas follas máis tenras dalgunhas plantas.
Outros

Nunha das nosas parcelas de seguimento de O Rosal levamos xa máis de dous anos observando nas follas os síntomas característicos dunha praga menor que é un pequeno díptero cecidómido chamado Janetiella oenephila que parece que se está a estender nas nosas viñas. Os síntomas (ver fotos) concéntranse nas follas e son pequenas bugallas circulares de 2-4 mm de diámetro, duras, visibles por face e envés da folla, de cor verde inicialmente e despois granate-marrón. Estas pequenas bugallas levan dentro as larviñas de cor laranxa-rosado da especie. O síntoma é bastante visible pero en ningún país no que está presente este insecto (os países do sur de Europa e Turquía ou Líbano) tiveron importancia económica, polo que non é preciso aplicar tratamentos, que ademais tampouco serían eficaces unha vez as bugallas están formadas (serían efectivos fronte aos adultos, que aparecen máis dun mes antes). Non son o mesmo, pero poderían nun momento dado confundirse con síntomas de erinose ou mesmo de filoxera, polo que aportamos unha táboa na que se reflicten as diferenzas:

Bugallas de Janetiella pola face Bugallas de Janetiella polo enves Larvas e seus  buracos de saida de J oenephila


Axente causal Síntomas Imaxes
Erinose (Colomerus vitis) A face da folla aparece inchada en pequenas bugallas. No envés hai desenvolvemento exaxerado dos pelos da viña, que primeiro se miran brancos e despois acastañado ou granate
Colomerus vitis - Síntomas en haz Colomerus vitis - Síntomas en envés
Filoxera (Daktulosphaira vitifoliae) Bugallas saíntes e con protuberancias no envés da folla que se corresponden na face cunha simple cicatriz
Bugallas de filoxera
Janetiella oenephila Bugallas pequenas e circulares nas dúas caras da folla (máis síntomas no texto)
Janetiella oenephila_face Janetiella oenephila_enves
MACEIRA
Moteado

A pesar das choivas rexistradas, e da elevada humidade relativa destes días, non apareceron os primeiros síntomas nas parcelas da nosa rede, nin na folla nin nos froitos, que presentan nestes intres o tamaño dunha noz. Aínda que a partir de agora saímos do período máis perigoso en relación á enfermidade, débese manter a vixilancia, posto que o risco persiste sempre e cando haxa temperaturas e humidade durante tempo suficiente.

Mancha incipiente de moteado del manzano
Oídio

A semana anterior falabamos do incremento de gromos afectados na variedade Golden da nosa finca de Areeiro. Sen aplicar tratamento algún os síntomas non avanzaron, aínda que as condicións destes días, con luz difusa e néboas bastante persistentes son condicións favorables. Manter a vixilancia.

Daños de oidio en brote de manzano Brote de manzano completamente invadido por oidio
Pulgóns

Nas nosas parcelas de seguimento a presenza de colonias mantivo se nesta semana en niveis estables.

19_04_17_Pulgon verde en maceira Colonia de pulgón cincento
Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nesta semana volvemos a ter un número de capturas variable nas trampas (ningunha na finca de O Rosal, 3 machos en Areeiro). Canto a síntomas na froita non apareceron en ningunha finca. Lembren que a situación pode ser diferente mesmo en parcelas da mesma comarca, o que fai necesario non deixar desprotexidas as plantas se non se fan seguimentos específicos da praga.

Oruga de Cydia pomonella y daño en fruto Carpocapsa pomonella - Penetración larvaria en fruto de la variedad golden
CERDEIRA
Monilia e outros fungos oportunistas en cereixas

Monilia en cereixas Debido ás precipitacións que se rexistraron cando a froita estaba en proceso de maduración, algunhas cereixas sufriron fendas ou gretas sobre as que se están a instalar fungos como Monilia ou botrite tras as choivas destes días pasados. Nos casos en que xa teñan acabado a recolección da froita será conveniente aplicar un tratamento para reducir o inóculo destes fungos para a próxima campaña (e tamén é conveniente retirar os froitos atacados, incluso os do solo).

PATACA
Mildio

Lembren que as choivas e a humidade elevada son condicións favorables ao desenvolvemento do fungo, polo que aínda que as plantas estean protexidas por unha aplicación anterior débese revisar que non aparezan novos síntomas, máis tendo en conta que as diferentes axencias meteorolóxicas anuncian aínda probabilidades de precipitación de entre 40 e 80% para algúns dos próximos días.

Brote terminal de patata necrosado a consecuencia del mildiu Esporulación de mildiu en racimo de planta testigo_24junio2014
BUXO
Cydalima perspectalis

Nas sebes da nosa finca de Areeiro, onde aínda non tratamos a segunda xeración deste insecto, así como en plantas doutras zonas que sabemos que tampouco recibiron tratamentos, observamos nesta semana novas postas e algunha larviña neonata máis, pero non síntomas notorios, e de feito os gromos recentes aínda amosan as súas follas totalmente sas, sen indicios de estar sendo afectadas. En todo caso, se aínda non se realizou ningunha intervención e non se desexa iniciar xa os tratamentos débese estar moi pendente da evolución dos gromos.

Ovos de C perspectalis evolucionando 10X Eiruga nacida de Cydalima 10x Eirugas neonatas Cydalima en planta